Familias acolledoras

Web oficial de acollemento familiar de Cruz Vermella en Galicia.
Un programa da Xunta de Galicia

O acollemento familiar

Na Lei 26/2015 do Sistema de Protección a Infancia e á Adolescencia e no marco lexislativo que desenvolveron as respectivas Comunidades Autonómas, recoñécese a figura do Acollemento Familiar como recurso para a protección da infancia. No artigo 173 do Código Civil sinálase que, o acollemento familiar, produce a plena participación do menor na vida da familia e impón a obriga de velar por el/ela, telo na súa compañía, alimentalo, educalo e procurarlle unha formación integral.

Que é o acollemento familiar?

É un recurso de protección temporal e revogable, orientado ao coidado dun menor que se atopa privado dunha axeitada atención pola súa familia (aínda que sexa circunstancialmente) e consiste en confiar o seu coidado a unha persoa ou familia que reúna as condicións persoais, educativas e materiais necesarias para proporcionarlle unha vida familiar.

Existen diferentes formas de acollemento:

  1. Os acollementos en familia extensa, cando o neno, nena ou adolescente é acollido por alguén da súa familia (avós, tíos, etc.). Para máis información e tramitación: oficinas do Servizo de Protección de Menores da Xunta de Galicia (ver aquí).
  2. Os acollementos de feito, nos que a familia delega de xeito espontáneo a garda dos seus fillos, mentres duran as circunstancias que lles impide facelo a eles (a veciños, amigos, etc.). Para máis información e tramitación: oficinas do Servizo de Protección de Menores da Xunta de Galicia (ver aquí).
  3. Os acollementos en familia allea, danse cando as persoas que acollen non manteñen ningún vínculo familiar co neno ou nena e se comprometen solidariamente a axudar a mellorar a situación de menores do noso entorno. Cruz Vermella colabora coa Xunta de Galicia na protección á infancia, xestionando o Programa de Familias Acolledoras, co obxectivo de facilitar un ambiente familiar normalizado aos nenos e nenas que están en situación de risco, desamparo ou desprotección social, mentres que dende os equipos de menores e servizos sociais se intervén coa súa familia biolóxica.
  4. Os acollementos especializados para adolescentes con dificultades a quen o xulgado lle impuxo en sentenza unha medida de convivencia das recollidas na Lei 5/2000 de responsabilidade penal de menores, programa Convive.comigo (ver aquí)
  5. Os acollementos preadoptivos. Aínda que recibe este nome, en realidade non é un acollemento, é a primeira fase dunha adopción.

Aspectos clave no acollemento en familia allea

Para dar resposta ás necesidades dos menores que sufren desprotección, as familias acolledoras aportan unha forma de coidado temporal e alternativo que posibilita aos nenos e nenas que se ven separados dos seus entornos familiares, unha vida familiar natural na que medrar, aprender e recibir o cariño que os axude a compensar e reparar os danos vividos.

O acollemento non é unha adopción

É moi importante non confundir o acollemento familiar coa adopción, xa que esta integra ao menor nunha nova familia que substitúe á de orixe, mentras que o acollemento é unha situación de apoio temporal con un comezo e un final previsto de antemán. Ademais, as persoas acolledoras non pretenden substituir á familia polo que, sempre que sexa posible e beneficioso, se potenciarán os contactos dos nenos con ela. Para máis información sobre adopción, preme aquí.

A temporalidade

Todos os acollementos familiares teñen unha duración determinada, en función das necesidades e da problemática que motivou a saída do menor da súa casa. Poden ser estancias breves ou máis prolongadas no tempo. Así falamos de acollementos temporais, nos que o retorno do neno ou nena coa súa familia se prevé a curto prazo e, se non é posible, retornar, decidirase a medida máis estable (por exemplo, a adopción). Cando a duración do acollemento vai ser a longo prazo, falamos de acollementos permanentes, máis estables debido a que se prevé difícil o retorno coa súa familia, aínda que manteñen os vínculos con eles. 

O contacto coa familia dos nenos e nenas

O obxectivo final de calquera acollemento familiar é o retorno do menor coa súa familia, unha vez que foron superadas as situacións que determinaron a separación. Polo tanto, durante o acollemento existen contactos (visitas, chamadas, etc.) entre o neno, nena e a súa familia, para que non se perdan os vínculos afectivos.

A busca do interés do menor

Cada acollemento familiar procura dar a resposta máis axustada para cada neno, nena e adolescente tendo sempre presentes as súas características e necesidades: que permaneza na súa localidade, no seu colexio, no seu grupo de amigos, que manteña o contacto coa súa familia, etc. De todas as solucións, sempre se vai a procurar a que máis beneficie ao menor, que coa súa historia persoal e familiar, terá unha situación única e especial.

Modalidades de Acollemento en familia allea

Segundo o tipo de convivencia que se estableza, podemos falar de:

Acollementos de convivencia plena

Os nenos e nenas conviven coa familia durante a totalidade do día (son os máis habituais) e comezan paulatinamente. 

Acollementos de día

Cando o neno ou nena só pasa unha parte do día coa familia acolledora, que se complementa coa súa. 

Acollementos de fin de semana e vacacións

A convivencia cos acolledores se produce solamente nestes períodos e dáse con frecuencia para nenos e nenas que están en acollemento residencial (en centros).

Acollementos de urxencia-diagnóstico

A incorporación do neno/nena á familia acolledora realízase sen período previo de adaptación e por un tempo moi determinado (de 6 meses a un ano, como máximo), mentres se estudia a opción máis estable para o menor.