Familias acolledoras

Web oficial de acollemento familiar de Cruz Vermella en Galicia.
Un programa da Xunta de Galicia

O apoio técnico

Durante o acollemento familiar os equipos profesionais en protección de menores da Xunta de Galicia e da Cruz Vermella están pendentes dos menores e da familia, para que o acollemento transcurra axeitadamente. 

Cando se propón un bebé, un neno ou unha nena, uns irmáns ou menores con necesidades especiais, é porque como profesionais, se valora que son as persoas axeitadas para darlle a resposta que precisa. A partir de aí planificase a adaptación ao fogar, as visitas do menor coa súa familia, o plan de traballo, os seguimentos, e cando chegue o momento, a despedida.

Estase acompañando en todo momento, pero procurando alterar o menos posible a normalidade e a cotidianeidade da vida diaria.

O papel dos técnicos da Administración e Cruz Vermella

A garda administrativa ou a tutela exércena dende a Xunta de Galicia. Por iso, en todo momento teñen que estar informados e dar autorización das cousas importantes (unha operación, unha viaxe fóra de Galicia, etc.). Tamén son estes profesionais os que fan o seguimento da evolución da familia biolóxica e os que, con toda a información (familia biolóxica, familia acolledora, nenos e outros profesionais implicados), toman as decisións para rematar un acollemento.

Dende Cruz Vermella, as familias son acompañadas por un equipo técnico e de voluntariado ao longo de todo o proceso que dura o acollemento, no que reciben formación e asesoramento de carácter psico-social e educativo a nivel individual e grupal, en relación as necesidades do neno e daquelas que se poden xerar no entorno da familia de acollida.

Apoio e seguimento

As familias acolledoras reciben un apoio económico que oscila entre os 240 e os 600 euros mensuais, dependendo da idade dos nenos. Xunto a esta prestación básica, en ocasións e dependendo do tipo de acollemento (grupos de irmáns, nenos con discapacidades ou necesidades especiais, etc.), percíbense outras cuantías complementarias.

Por outra banda, está a formación continua para que as persoas acolledoras melloren as súas capacidades educativas, de coidado parental e emocional, que se realizan a través da Escola de Formación para Familias Acolledoras de Cruz Vermella (obradoiros, seminarios e cursos que se realizan de outubro a xuño). Nelas poden participar todas as persoas que forman parte da rede de acolledores en Galicia.

Ademais, cando un neno ou nena xa está acollido nun fogar, fanse visitas domiciliarias, chamadas telefónicas e informes de seguimento.

Publicacións