Familias acolledoras

Web oficial de acollemento familiar de Cruz Vermella en Galicia.
Un programa da Xunta de Galicia

As familias acolledoras

Ofrecen nun acto solidario o seu fogar a menores baixo unha medida de protección e teñen como misión proporcionarlles os coidados, a seguridade, a educación e o cariño que precisan mentres se solucionan as circunstancias que lles impiden vivir coa súa familia.

Que familias poden ser acolledoras?

Calquera persoa, matrimonio ou parella de feito, con ou sen fillos, e de calquera condición social, ideoloxía ou crenza. O perfil das familias acolledoras é moi variado sendo, o máis importante, o compromiso coa infancia. Requírese vontade de acoller e dispoñer da capacidade necesaria para cubrir as necesidades físicas, psicolóxicas, afectivas e sociais dos nenos e nenas.

Preguntas frecuentes

En ocasións, as persoas que se interesan polo acollemento familiar, teñen dúbidas similares:

Como é a reacción dos nenos e nenas ante o acollemento?

O habitual é buscar a aceptación e voluntariedade do neno ante o acollemento familiar, acorde á súa idade e nivel de desenvolvemento, e tras un período de coñecemento e adaptación mutua, a maioria dos nenos, nenas intégrase favorablemente.

Como se vive a despedida?

Como é algo previsto, tratamos de garantir que a finalización dun acollemento sexa o menos brusca posible para todas as persoas implicadas, por iso se planifica e se axuda aos nenos a comprender este momento, e os imos preparando para o cambio (que pode ser o retorno ao seu fogar de orixe, a adopción...), sempre de xeito acorde á súa capacidade e nivel madurativo. Moitas familias repiten a experiencia pois, en definitiva, trátase dun programa que axuda a moitos nenos e nenas nunha etapa importante da súa vida.

Tamén se garante ás persoas acolledoras o apoio, cando é preciso, unha vez finalizado o período de convivencia.

Canto pode durar un acollemento?

Dependerá das circunstancias que determinaron a separación da familia de orixe ou do tempo preciso ata atopar unha alternativa máis definitiva para a súa vida, cando non é posible a reunificación coa súa familia. Normalmente, no momento que iniciamos un acollemento, establecemos unha previsión da súa duración, que pode estar suxeita a modificacións. En todo caso, se a situación do acollemento se prolonga máis alá do tempo inicialmente establecido, irase prorrogando o acordo de continuidade cos acolledores.

Que requisitos temos que cumprir para ser acolledores?

As persoas que se ofrecen para o acollemento deben pasar por un proceso de valoración-reflexión sobre esta decisión e, posteriormente, un período de formación antes de constituírse como familia acolledora. É importante ter moi claras as diferenzas coa adopción, aceptar e respectar as características dos nenos e nenas, así coma das súas familias, estar dispostos a facilitar a relación do menor coa súa familia de orixe, dispoñer da capacidade necesaria para cubrir as necesidades dos nenos e a estabilidade emocional é condición indispensable. Altas doses de solidariedade, compromiso e capacidade de colaboración son cualidades necesarias nos acolledores.

Experiencias

Antonio e Ana, teñen moito que contarnos tras 18 anos acollendo.

Experiencia Acollemento Familiar

Necesitamos incorporar máis familias acolledoras.