Familias acolledoras

Web oficial de acollemento familiar de Cruz Vermella en Galicia.
Un programa da Xunta de Galicia

Os nenos e as nenas

Son os verdadeiros protagonistas no acollemento familiar. Todo xira entorno a eles, para que poidan vivir da mellor forma posible a infancia, ese tempo que nunca volve e que todos queremos recordar cun sorriso. Hai nenos e nenas que o teñen difícil porque as súas familias, por motivos moi diversos, non poden atendelos axeitadamente. 

Beneficios da medida para os nenos e as nenas

 "O neno, para o pleno e harmonioso desenvolvemento da súa personalidade, debe crecer no seo da familia, nun ambiente de felicidade, amor e comprensión"

                                                                      Dereitos do Neno - Nacións Unidas, 20 de novembro de 1989

 

Os nenos e nenas en acollemento familiar reciben unha atención individualizada que lles permite crear vínculos positivos, construír outras formas de relación, aprender pautas educativas e habilidades da vida diaria, facilitando así as súas relacións sociais e creando expectativas de futuro.

Se durante o tempo no que a súa familia se recupera, ou mentres se busca unha opción definitiva (adopción), reciben o cariño e a protección de persoas coma ti, contribuiremos a que cando sexan persoas adultas vivan a súa vida con plenitude e lembren a súa historia con naturalidade.

Historias que necesitan familia acolledora:

  • Manuel (6 anos) precisa unha familia acolledora sen fillos que resida en Carballo, porque necesita que toda a atención se poida centrar nel. Tras pasar coa súa familia por unha situación moi estresante, esperta pola noite con pesadelos. Prevese que durante o acollemento visite aos pais cada semana e, aproximadamente no prazo dun ano, volva a vivir con eles.
  • Raquel (12 anos) e Ismael (15 anos), irmáns que estudian secundaria e necesitan uns acolledores que vivan na cidade de Lugo e con fillos un pouco maiores que eles, un fogar con normas e costumes que lles permita vivir unha vida familiar tras estar durante 2 anos nun centro de acollida. Prevese unha duración do acollemento a longo prazo, con visitas mensuais á súa avoa.
  • Antía e Breixo (2 anos) xemelos, son alegres e extrovertidos. El ten unha discapacidade auditiva e están agardando unha adopción especial. Mentres, precisan unha familia acolledora que resida na comarca do Ribeiro.
  • Alexia (8 anos) estudia nun cole en Vigo e saca boas notas. Mentres a súa nai se recupera no hospital, necesita unha familia acolledora que a axude a levar do mellor xeito posible a separación. Prevese que o acollemento dure uns 6 meses.

 

Estas vidas son figuradas, pero baséanse en nenos e nenas reais. Si no teu fogar e no teu corazón hai sitio para eles, non dubides máis e faite familia acolledora.

O acollemento familiar é posible para todos os menores (dende bebés ata mozos e mozas de 17 anos) que se atopan nunha situación de desprotección e que teñen que ser separados temporalmente das súas familias.

Experiencias