Familias acolledoras

Web oficial de acollemento familiar de Cruz Vermella en Galicia.
Un programa da Xunta de Galicia

Faite familia acolledora

Sabías que preto de ti hai nenos e nenas que agora mesmo non poden estar no seu fogar? Diferentes problemas na súa familia fan que teñan que medrar noutro fogar, con outros agarimos.

Cando nin os seu avós ou familiares poden quedarse con eles ese tempo e pasan a tutela ou garda da Administración autonómica, aos profesionais do servizo de protección de menores quedanlles dúas alternativas:

  • O acollemento residencial: ingreso do neno ou nena nun centro de menores para o seu coidado por educadores.
  • O acollemento en familia allea: incorporación a unha familia que lle proporcione coidados e unha referencia de cariño para o futuro.

 

Podes ser ti esa familia? E... alguén que coñezas?

Ponte en contacto connosco para informarte e tomar unha decisión que posiblemente cambiará a túa vida e, sobre todo, a deles.

O proceso para acoller

As persoas que se ofrecen para o acollemento pasan por un proceso de valoración-reflexión e formación sobre esta decisión, ata chegar a constituírse como familia acolledora:

Paso 1 | Informarse

Ata ter claro que é isto do acollemento, preguntar, aclarar dúbidas, reflexionar e estar dacordo todas as persoas que conviven no fogar.

Paso 2 | A solicitude

Entregar a solicitude de acollemento familiar, xunto coa documentación requirida (certificado médico, de convivencia, de nacemento, libro de familia, fotocopia da última declaración de IRPF e certificado de antecedentes penais).

Paso 3 | Valoración da familia

Proceso de valoración psicosocial da familia, con entrevistas e visitas a domicilio, para coñecer en profundidade a todos os membros e poder dar, durante o acollemento do neno ou nena, a resposta máis axeitada ás súas características.

Paso 4 | Formación

Participar activamente na formación para poder dar respostas eficaces ás necesidades dos nenos e nenas acollidos. 

Paso 5 | Aprobación final da Xunta

A Xunta de Galicia, a través da súa área de protección de menores, determinará a idoneidade da familia para ser acolledora, baseándose na valoración psicosocial, na motivación e estabilidade persoal, económica e social das persoas que se ofrecen para esta tarefa. A partir de ter a idoneidade, pasase a formar parte da rede de familias acolledoras, a espera de ser a familia que mellor se corresponde coas necesidades de un menor/es para iniciar un acollemento.

Onde acudir?

Podes dirixirte aos equipos de acollemento familiar tanto da Xunta de Galicia como de Cruz Vermella. Na sección Contacta desta páxina web tes toda a información para dirixirte ao equipo máis cercano ao voso domicilio.

Non dubides en pedir información, estamos para axudaros a tomar a decisión e resolver todas as dúbidas.

Porque hai nenas e nenos que precisan vivir en familia.